
Chámome Alberto Granja Bargados, pero son coñecido polo alcume de K.G., son fillo de Andrés “o Carrasqués” de Lalín e de Julia dos Couso de Monterroso, son irmán de Je. Dna Maruja “a profesora” foi a miña madriña. Son compañeiro de Beatriz , pai de Andrés e discípulo de Javier Cremades. Teño algúns amigos e moitos amiguiños. Istes son algúns dos vértices do poliedro imperfecto da miña existencia.
Creo nas utopías e na razón; creo na honradez e na intelixencia. Creo nas boas persóas. Odio aos carroñeiros, abusóns, corruptos e ruíns. Odio a xente que non ten palabra nin bondade. Odio ós que xustifican as cousas con bonitas palabras e grandes argumentos, pero no fondo só a envexa, o interese propio ou a maldade moven a súa lingua. Ódiote a ti, se e que eres así. Sei que teño un lado malo. As veces no son quén de coutarme.
O asociacionismo é a miña filosofía vital. Non sei se o aprendín da vida, dos amigos, da ciencia ou da natureza. Son un dos fundadores dá Asociación Cultural “O Naranxo” e síntome orgulloso. Tamén o fun dá Coordinadora Alternativa de Lalín e dá agrupación local do B.N.G., cando aínda o compromiso ético e non as ansias de poder e estatus de militantes que viven do partido marcaba a ideoloxía. Agora non son aceptado. Tamén deso síntome orgulloso.
Son Gaiteiro. Fun de “Froitos do Deza” e son vogal dá Xunta Directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos. Son Galego. !Outra mais de orgullo!.
Fun investigador en botánica mariña na Universidade de Santiago e meu é o traballo de catalogación florística da Ría do Ferrol. Miña foi a tese sobre as algas da Mariña Lucense, pero non poido ser. Formei parte da equipa de investigación pioneira en España no cultivo de Undaria Pinnatifida xunto cá Universidade de A Coruña e o Instituto Español de Oceanografía. Isto soa moi importante.. porque o é. Non podía ser doutro xeito estando Javier Cremades e Ignacio Bárbara polo medio. Grazas a eles son científico. Grazas a ciencia son ateo.
Son boticario na parroquia de Donramiro (Lalín). Alí, aconsello e escoito.. ás veces de mais. Ás veces podo facer algo. Grazas a iso síntome un bo profesional, senón todo o que conseguín por min só sería nada.
Estudei hipnose e suxestión. O mundo do paranormal, o misticismo, as medicinas alternativas e outras patrañadas polo estilo dende sempre espertaron a miña curiosidade.. o por qué xente normal acepta o pensamento máxico e irracional e cae nas patrañadas mais absurdas é para min a maior das curiosidades profesionais.
Durante moitos anos entrevistei a meigas, recompoñedores, sanadores, devotos do Corpiño, “aprendín” a botar o tarot, andiven con psicofonistas, coñecín a iluminados, psíquicos, médiums, participei en rituais máxicos de todo tipo…. por iso son escéptico e escarránchome da risa con Iker e resto de magufos (por non chorar..). Son activista contra as “medicinas alternativas” e demais timos porque sei como profesional os danos que poden facer. Estou fascinado polo potencial do efecto placebo, por iso estudei acupuntura.. as veces non sei que pensar.
Os xoves toco; toco cos amigos da Banda do Antón. O blues arrástrame, o rock actívame, os tangos apaixoanme e a música mexicana faime ferver a sangue. Pero sempre acabo no folk… e no na nosa música. As veces, de noite, collo a gaita e voume a tocar baixo a ponte vella de Botos.. alí a veira do río cando a gaita quere soar ben descubro que son feliz.
As veces vou o mar, ou a un río e séntome. Escoito a auga, sinto a humidade e escoito o que esta agachado. Tamén o fago de noite. Beatriz non o entende pero sabe que o necesito. Abrazo ós arbores cando vou buscar setas e lles pido que mas deixen ver. A xente rise, pero a min vaime ben.
Ando en moto porque os cabalos non me queren.. descubrino aos 9 anos cando un tiroume por primeira vez (va vou na cuarta.. sei que ao fin gañarei eu); desde esas as motos sempre foron unha paixón contida. Os gatos si que me queren, e eu a eles.. son capaz de miralos durante horas e ter un gatiño nas mans prodúceme unha gran felicidade.
Estou tan ben con Bea no sofá azul….