Antroido (en construcción)
Festa que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera na que conflúen rituais cristiáns e paganos, sendo o momento do ano no que se poden e deben romper tódalas normas; O antroido é a subversión, a volta ó mundo do revés, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. O comer, beber e cantar ata rachar, o rirse do máis sagrado… personaxes enmascarados e adornados que non falan, que levan chocas coma os animais, que zorregan á xente, levántanlle a saia ás mulleres e fan falcatruadas…. homes vestidos de mulleres e mulleres de homes, curas e monxas e o que non ten disfraz, pon a roupa do revés, simbolizando esa volta do mundo do revés. O mancharse, tiznarse, emborrallarse e gastar bormas, rirse de todo e de todos… o único prohibido é non participar e enfadarse. Os discursos coma os testamentos, os arranques ou as coplas fan repaso, en clave satírica de todo o acontecido no ano, ríndose dos os veciños e institucións.
O antroido leva anos morrendo, comido polo “carnaval” de “disfraces”, aséptico, non transgresor, non participativo e sobre todo alleo… os disfraces saen polas noites convertindo o antroido nun dia de copas mais, quedando as horas de luz valeiras de contido festivo e transgresor.. a xente ve os desfiles de “carnaval” pero non participa.. ¡¡non..!! non esperedes que ningunha comisión municipal vos divirta no antroido.. o antroido levase no sangue e está dentro de cada un.. Os/as que disfrutamos do antroido como festa participativa e transgresora debemos tomarnos o antroido como un compromiso persoal e de traballo activo de recuperación do significado verdadeiro do antroido. ¡¡ Emporcallémonos, tiznemonos, saiamos as rúas a cantar, facer festa e reirnos de nos mesmos e de todo!!
Xa desde a fundación de “O Naranxo”, traballamos pola recuperación e celebración dun Antroido baseado na tradición popular galega, artellado de xeito participativo e desenvolvido na rúa.
Dende 1982 ata 1988 os actos do Antroido de O Naranxo eran:
Sábado de Antroido: Reunión de músicos e cantadores.. nada máis tradicional que saír polos bares a tocar e a cantar..e ademais pedíamos os donos dos bares que deran de tapa torresmos en vez de cacahuetes dos que xa estábamos fartos, e ademais os torresmos son mais folk…
Domingo de Antroido: Día dos Cegos. Tratábase de recupera-la tradición dos Cantares de Cegos que antes andaban polas feiras e romarías cantando o que acontecera na comarca ou crimes espantosos con mortos a esgalla; membros de “O Naranxo” vestiámonos de cegos e catábamos polas rúas e bares un cantar resumen do que aconteceu na vila, e un crime inventado, que normalmente facía referencia ó motivo ou personaxe que se queima no remate do Antroido, as coplas repartíanse entre os presentes e solicitábase a vontade que era destinada a pagar os viños e financiar a o Enterro da Sardiña e a queima do Antroido.
Mércores: Xuízo e queima do Antroido. Organizábase unha procesión que percorría a vila; abrindo a procesión un membro da Benemérita seguido polo motivo a queimar; no percorrido pedíaselle ós veciños das casas por onde pasa a procesión que saíran a chorar o Antroido; chegados o lugar da queima facíase un xuízo con avogados defensores, fiscal, e testigos, e si e o Antroido era condenado, queimábase…

¿Queres recibir información sobre actos culturais e sociais na Comarca do Deza? ¿Anunciar ou convocar actividades?. Envia un correo a onaranxo@onaranxo.org ¡Xa somos 500!
_______________________