Castelao no Deza
Daremos algunhas noticias da presenza de Castelao polas terras de Deza:
A primeira visita á Comarca ten un carácter científico: é a que realiza co Seminario de Estudos Galegos no verán do ano 1930. Nesta xeira atopámolo ocupándose dos traballos da sección de Xeografía e Etnografía do Seminario, na compaña de Otero Pedrayo e Xaquín Lourenzo.
Na seguinte ocasión, xa atopamos a Castelao como político: O 24 de xullo de 1932, véspera do Día de Galicia, o Partido Galeguista organiza varios mitins na zona de Lalín: o primeiro ás dez da mañá en Noceda, logo un en Vilatuxe (no Campo dos Carballiños) e finalmente o terceiro na vila de Lalín, pola tarde. Nestes mitins participan xunto con Castelao, Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Suárez Picallo, Paz Andrade e Álvarez Gallego. O obxectivo era dar a coñecer o ideario nacionalista do PG nesta zona.
Nese mesmo ano de 1932 e continuando coa campaña do Partido Galeguista para difundir as súas ideas e darse a coñecer na zona rural, onde pensaban estaba o seu potencial electorado, o 25 de setembro organizan sendos mitins en Silleda pola mañá, e Laro e Bandeira pola tarde, nos que interveñen Antón Alonso Ríos, Alexandre Bóveda e Castelao, presentados polo presidente da Sociedade Hijos de Silleda de Bos Aires, Claudio López.
Volve aparecer nestas terras con motivo da campaña das eleccións de 1933. O domingo 5 de novembro ás tres da tarde, celébrase en Bandeira un mitin da coalición republicana de esquerda integrada polos partidos Republicano Galego, Acción Republicana, Galeguista e agrarios, no que interveñen Ramón de Valenzuela e Castelao, xunto con Losada e López Noguerol. O acto constituíu un éxito pola cantidade de público presente para escoitar a Castelao, que coa súa vibrante oratoria logrou o aplauso dos labregos.
Pero a presencia de Castelao tivo maior repercusión en 1935, cando se realiza en Lalín o primeiro mitin logo da súa volta do exilio en Extremadura. O domingo día 1 de setembro, as catro e media da tarde no Campo do Hospitalillo desenvolvese un acto conxunto do Partido Galeguista e Izquierda Republicana, que xa viñan colaborando a outros niveis e que será o xerme da coalición da Frente Popular.
Ao acto acude moita xente (unhas 1.500 persoas segundo as crónicas da época). Destaca a presencia de varias Sociedades obreiras e agrarias cos seus estandartes. Presenta aos oradores Manuel González Rodríguez, o mestre de Soutolongo. Falan Ramón de Valenzuela, Conselleiro do PG da Zona Estrada-Lalín, Victor Casas e Echeverria Nóvoa. A continuación toma a palabra Castelao, que é recibido cunha grande ovación. Resumimos agora a súa intervención:
Di que despois de dez meses de ausencia forzosa [o exilio en Badaxoz] volta a Galicia para seguir loitando polos ideais de sempre.
Fai unha comparación entre as terras estremeñas e Galicia dicindo que alí a política dereitista é aínda mais ruín. Nunha terra que é un mar de pan a xente morre de fame. En Estremadura di, eu sería colectivista, en Galicia coido que o cooperativismo é o sistema axeitado para facer de Galicia un pobo democrático, rico e libre.
Dedica un recordo ao deputado socialista Pedro Rubio, que foi o seu primeiro amigo en Badaxoz, asasinado covardemente por un mercenario da reacción.
Di que agora se sinte orgulloso de ter sido deputado das Cortes Constituíntes ao ver a diferencia que existe entre aquel Parlamento glorioso e o actual. Alude á labor realizada polos deputados galeguistas e os de Galicia en xeral en defensa dos intereses galegos que contrasta coa dos deputados actuais aos que chama mequetrefes e xordomudos. Por iso non se estraña que un deputado por Pontevedra traballe polo colexio de xordomudos de Santiago, seguramente para ter unha cela segura.
Enumera a situación dos deputados galegos constituíntes no asunto do ferrocarril, nos tratados comerciais, na lexislación social, no pequeno patrimonio familiar, etc.
Referíndose ás verbas de Lerroux de que á morte do xefe desfarase o Partido Radical, con palabras de grande humorismo di que hai que evitar que esto suceda. Os radicais deben estar sempre xuntos. Así como en toda casa hixiénica hai un retrete, na política compre que suceda o mesmo.
Refírese á situación política cualificándoa de antidemocrática e antirepublicana. E remata dicindo que Galicia ten que conseguir a Autonomía e que o entusiasmo popular debe orientarse no sentido de conseguir coa reconquista da República a liberación de Galicia.
Falan despois Ossorio Tafall (ex-deputado e vicepresidente provincial de Izquierda Republicana); e Gómez Román. Con vivas á República e a Galicia autónoma remata o acto.
MANUEL IGREXAS
igrexas@redesescarlata.org

¿Queres recibir información sobre actos culturais e sociais na Comarca do Deza? ¿Anunciar ou convocar actividades?. Envia un correo a onaranxo@onaranxo.org ¡Xa somos 500!
_______________________