Correo do Asociacionismo

¿Queres recibir información sobre actos culturais e sociais na Comarca do Deza? ¿Anunciar ou convocar actividades?. Envia un correo a onaranxo@onaranxo.org ¡Xa somos 500!
_______________________

_______________________

______________

Foro

Contidos

Videos Educativos de "O Naranxo"

¿Ainda eres dos/das que non sabes cantar o himno? ¿non che da vergoña? Mini e Mero ensinanche a cantar con orgullo de ser Galegos!

¿andas un pouco perdido ideoloxicamente?

derradeiro discurso de Salvador Allende
Discurso de Charles Chaplin en El Gran Dictador (1940)
Discurso da pelicula V de vendetta
I have a dream. Martin Luther King

Benjamín Salgado, alcalde republicano de Carbia

Benjamín Salgado Uribe nace o día 15 de Novembro de 1889 no lugar de Vilar (Concello de Teo) sendo o quinto fillo dos dez que tivo o matrimonio de Marcelina Uribe e Fernando Salgado. Ela era mestra e Fernando obtivera o titulo en Medicina e Cirurxía en 1878. Ao ser nomeado médico municipal de Teo, a familia trasládase a vivir a Cacheiras onde establece a consulta. Marcelina Uribe morre en 1899 a consecuencia de unha gripe, quedando Fernando cos dez fillos: o maior con 14 anos e o máis pequeno con 2 anos.

Ese mesmo ano, Fernando Salgado foi nomeado médico auxiliar da Administración de Xustiza no Xulgado de 1º Instancia en Arzúa, polo que a familia Salgado Uribe traslada o seu domicilio para a vila de Arzúa. No 1900 será nomeado médico municipal, e en 1911 médico forense do partido de Arzúa. Ao igual que algún dos seus irmáns Benjamín tivo que emigrar moi novo debido á difícil situación da familia polo número de fillos. Primeiramente marchou a Cuba. Temos constancia da súa presenza na Habana en 1906 onde traballou no negocio de seus irmáns. Posteriormente, despois dunha desavenencia co seu irmán, deixa Cuba e viaxa por EEUU, baixando despois ata Arxentina. Parece ser que sempre traballando de periodista.

Volve a Arzúa moi pronto, xa que en 1911 constitúe co seu pai e os seus irmáns unha sociedade para fundar un almacén de tecidos. É de destacar a importancia  do retorno a Galiza dos “americanos” , xa que como explica o Prof. Núñez Seixas, desempeñaron unha función “modernizadora” no plano socio-político en Galicia,(…) influindo decisivamente en algúns cambios que operaron no país no período de 1931-36. Benjamín destaca como unha persoa participativa no plano social do pobo. Entre outras cousas, en 1924, na constitución da sociedade “La Peña Arzuana” , da que é socio fundador e vicesecretario.

Ao mesmo tempo fórmanse as primeiras corporacións municipais da ditadura de Primo de Rivera; esta oportunidade vai supoñer o desembarco de Benjamín na política municipal. O 11 de setembro de 1924 foi nomeado concelleiro e 3º tenente de Alcalde da Corporación de Arzúa. En Carbia tamén é nomeado concelleiro e 1º tenente de alcalde o seu irmán Rafael, aínda que ningún dos dous ocuparán o cargo máis dun ano, vítimas entre outras cousas dos vaivéns do sistema político municipal da época primoriverista.

O 11 de xullo de 1925 Benjamín casa con Carmen Gómez López, cuñada do seu irmán. A parella de Carmen e Benjamín fixan a súa residencia en Arzúa, onde nacerán os seus dous primeiros fillos - Juana e Guillermo-.

A familia Salgado estaba moi ben considerada en Arzúa pola labor médica de Fernando Salgado, destacando o seu traballo durante a epidemia de gripe de 1918. O agradecemento do pobo queda patente no feito de que á súa morte o concello de Arzúa deixou as  dúas fillas solteiras -Carmen e Lola-  unha pensión vitalicia. Á súa vez, Benjamín tamén estaba moi considerado como comerciante e como parte activa da vida social de Arzúa. Este “benfacer” da familia no pobo vai ser posteriormente determinante na súa vida.

En 1928, tras a morte do pai, a familia de Benjamín trasládase a Vila de Cruces, onde xunto co seu irmán Rafael establece un ultramarinos.

Os irmáns Salgado Uribe, inmersos nos problemas do pobo, van  acelerar que chegue a luz a Vila de Cruces dende a estación de Montefurado, en 1928, mentres nacía o terceiro fillo de Benjamín: Gerardo.

Rafael volve ser nomeado concelleiro de Carbia pola porcentaxe da renda en 1930 e xa continuará ata as eleccións de 1931.

As eleccións municipais do 12 de abril de 1931, onde venceron os partidarios republicanos  posibilitando a chegada da II República, foron irregulares en moitos concellos e en Carbia foron especialmente virulentas, con un resultado de dous mortos e varios feridos de consideración. Non hai expediente destas eleccións, pero polo que podemos saber ningunha das opcións era republicana.

Cando se repiten as eleccións o 31 de maio o candidato máis votado foi Benjamín Salgado Uribe con 474 sufraxios e o día 6 de xuño de 1931 constitúese a 1ª corporación republicana do Concello de Carbia.  Entre os 17 concelleiros escóllese alcalde a Benjamín. Nas primeiras accións da Corporación destaca a nova creación e dotación de escolas nas parroquias de Carbia, que non existían. O procedemento que se segue é o aluguer dunha dependencia para aulario e unha vivenda para o mestre/a. As escolas son dotadas con todo  o material necesario: libros, encerados de man, caixas de plumas…

As eleccións lexislativas de novembro do 33 supoñen un considerable fracaso dos partidos republicanos de esquerda e dan a posibilidade de crear goberno ó Partido Radical de Lerroux co apoio dos dereitistas da CEDA de Gil-Robles. A pesares de ser lexislativas, estas eleccións son importantes nos Concellos porque as Corporacións Municipais van ser reflexo do goberno por medio de Comisións Xestoras nomeadas dende Madrid por medio do Gobernador Civil. Así o 6 de xullo do 34, en sesión extraordinaria presidida polo delegado do Gobernador Civil é cesada toda a corporación de Carbia menos un concelleiro, que xa sae desa sesión nomeado Alcalde cuns concelleiros nomeados a dedo. É moi posible que tras esta destitución Benjamín traslade o seu domicilio, provisionalmente, a Pontevedra, onde nacerá o seu quinto fillo, de nome Benjamín coma o pai.

Debido ó triunfo das opcións de dereitas nas eleccións lexislativas de 1933  iniciase unha época na que se saltaron en moitas ocasións os principios democráticos e as garantías constitucionais, paralizando procesos como os dos Estatutos de Autonomía.

A política reaccionaria do goberno central serviu de revulsivo para a reorganización das esquerdas en torno a “Izquierda Republicana”, creada en abril de 1934. Ante as eleccións de febreiro do 36 a esquerda, con Izquierda Republicana de columna vertebral, aglutínase na gran coalición que se chamou “Frente Popular”.

Despois da súa vitoria nestas eleccións o Frente Popular manda repoñer as corporacións que saíran elixidas por sufraxio nas eleccións do 31, cubrindo baixas con dirixentes obreiros e xente afín.

O 21 de Febreiro, ante o delegado do Gobernador e dirixente de Izquierda Republicana Primo López Rivadulla, procédese á elección de Benjamín como alcalde e do seu cuñado Antonio Gómez López (irmán da súa dona) como primeiro tenente de alcalde. Nesta etapa vanse conseguir aprobar varias obras do Estado para Carbia, como a construción da estrada Ponte Ledesma- Osera, a urbanización do campo da feira, a mellora de varios camiños do concello, construción de fontes e lavadoiros… feitos eloxiados na prensa da época porque eran necesarias as infraestruturas e porque creaban emprego no concello.

Ante a Asemblea de Concellos pro estatuto, a corporación de Carbia en sesión celebrada o 17 de maio decide adherirse e sufragar os gastos que se ocasionen durante o plebiscito..

Durante este período, como tamén queda recollido na prensa da época, en Carbia houbo total liberdade relixiosa, cuestión que vai ser un discurso recorrente nas acusacións dos falanxistas.

18 DE XULLO

Ante as noticias do alzamento do 18 de xullo, unha delegación de dirixentes políticos, lideres sindicais e alcaldes do Deza (entre eles Benjamín Salgado) desprázanse a Pontevedra o 19 de xullo a recibir ordes do Gobernador Civil.

Á volta, sospeitando o que se aveciñaba, os principais líderes políticos deciden agacharse, cada un do mellor xeito que pode. Benjamín escapa a Compostela e ocúltase na casa de seu irmán Rodrigo, nos Pexegos, onde tiñan habilitado un agocho no altiño do faiado. A principios de Agosto, e ante a cantidade de rexistros que estaban a facer na zona, trasládano a unha pensión para máis seguridade, mentres lle buscan un sitio definitivo. Pero tal era o ambiente de persecución que os poucos días un dirixente de dereitas, amigo do seu irmán Rodrigo, avísa a este urxentemente a altas horas da madrugada de que a dona da pensión denunciara a presenza de Benjamín, recomendándolle fuxir esa mesma noite. Coas primeiras luces marchan con el cara unha casa en Ferreiros (Concello de O Pino). Ó pouco tempo as cousas se complican por non ter recursos para pagar a manutención, acordando levalo para a casa das súas irmáns en Arzúa. Esa viaxe fixérona Nicanor, “taxista” e amigo da familia, Benjamín e o seu irmán Rodrigo. A última parte do traxecto foi a pé. Deste xeito entraron en Arzúa na escuridade, e unha vez deixado  Benjamín no baixo da casa das súas irmáns, Rodrigo e Nicanor subiron para comunicarlle a Carmen e Lola que “el pájaro está en el nido”. A partires de aquí, toda referencia que se fai a Benjamín na correspondencia familiar é “el pájaro”: “el pájaro no come”,”el pájaro está enfermo”…

A casa, no centro da vila, dispuña dunha horta grande e muro cara a rúa. Habilitouse unha falsa parede con táboas ó lado de dúas escaleiras que había no corredor, onde se acubillaba cando chamaban á porta exterior. Deste xeito, e coa complicidade do pobo de Arzúa, Benjamín conservou a vida, cousa que por desgraza non pasou cos dirixentes políticos de Cruces.

O 25 de xullo, Benjamín é destituído como Alcalde de Carbia nomeando os dirixentes falanxistas  a Fulgencio Vallés( dono da outra farmacia do pobo) como nova autoridade municipal.

A REPRESIÓN

Mentres Benjamín segue agochado prodúcense as detencións dos dirixentes republicanos. Abriuse a causa 1382/36 contra os veciños de Carbia detidos, Primo López Rivadulla, Antonio Gómez López e 16 mais (entre eles Benjamín Salgado Uribe , pero ao non estar presente nin en paradoiro coñecido foi declarado en rebeldía). Antonio Gómez López, cuñado de Benjamín, era Tenente de Alcalde en Carbia e tivo a posibilidade de fuxir, pero como tantos outros el non marchou “porque non fixen nada malo”. Ese pensamento levou a moitos á cadea ou a ser paseados. O consello de guerra resultante da causa celebrouse o 9 de Xaneiro de 1937. As catro condenas de morte son executadas o 26 de Xaneiro e publicadas en todos os periódicos como escarmento.

Unha vez fuxido Benjamín e cos golpistas gañando posicións, a farmacia da familia (Farmacia da Viúva Gómez Veiga, ou “botica vella”, como era coñecida polos fregueses) foi asediada durante varios días por forzas da Garda Civil e falanxistas, posiblemente para forzar a unha declaración do paradoiro de Benjamín. Durante o que durou este asedio houbo xente do pobo que se enfrontou coa Garda Civil para poder introducir víveres na casa, cousa a que se opuñan os falanxistas, polo que a familia quedou en débeda con esa xente que seguiría a botarlles unha man na súa posterior estancia en Santiago.

Cando se “normalizou” a situación, Carmen, a muller de Benjamín, atopouse sen negocio familiar, ca súa nai, mestra de Besexos (lugar de Carbia) suspensa de emprego e soldo e con cinco fillos de pouca idade. Para sacar á súa prole adiante necesitou a colaboración da familia. Ela marchou a Pontevedra ca filla maior e os dous pequenos, de catro e dous anos. Outro fillo marchou co seu tío Rafael, Secretario de Xulgado primeiro en Pontecesures e despois en Cervo. Outro dos fillos queda en Cruces ao coidado da súa avoa. Mentres, no seu agocho en Arzúa, a Benjamín descóbrenlle tuberculose, enfermidade pola que será tratado polo Dr. Ulpiano Villanueva, incluso saíndo algunha vez do encerro para pasar consulta. É moi doado darse conta que en Arzúa Benjamín estivo protexido por familias importantes dentro do novo réxime, ben por agradecemento a seu pai, ben por amizades da xuventude. O  que é indubidable é que pasado un tempo todo Arzúa sabía que alí se agochaba Benjamín.

A pesares do cativerio “benigno” que tivo que levar, Benjamín e as súas irmás tiveron máis de un susto; polo menos unha vez  practicouse un rexistro meticuloso que supuxo para elas unha grande angustia pola posibilidade de que Benjamín arrancara a tusir por mor da tuberculose.

En 1944 a familia consigue de novo reunirse en Santiago, onde os fillos maiores atoparon traballo. Benjamín seguía agochado en Arzúa e, por seguridade, ningún dos fillos sabía do seu paradoiro. Incluso Carmen, a muller de Benjamín, só foi unha vez a velo a casa das súas cuñadas para non levantar sospeitas. Esta situación mantense ata o ano 1945 cando se publica o decreto polo que se concede indulto total ós condenados por detidos de rebelión militar. Benjamín, despois de consultados varios amigos da familia sobre a fiabilidade do decreto, decide presentarse ante o Comandante Militar da praza de Pontevedra o 14 de novembro de 1945 para normalizar a súa situación. O Comandante Militar, cumprindo co decreto, déixao en liberdade provisional e insta ó xuíz Militar a continuar con auto 1382/36, onde Benjamín estaba declarado en rebeldía. Despois de todo o proceso queda indultado por unha resolución de 11 de maio de 1946.

Despois de nove anos de encerro, cando volve a Santiago a vivir ca súa dona e os seus fillos, o seu estado de saúde é xa bastante precario (os seus fillos contan que a súa volta , cando estaba seu pai había que falar baixiño) tanto é así que Benjamín vai morrer de tuberculose o 2 de marzo de 1950 en Santiago, cinco anos despois da súa liberdade, sendo soterrado no cemiterio de Boisaca.

Manuel Igrexas

igrexas@redesescalata.org