Estatutos de “O Naranxo”
CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1. Constitúese en Lalín unha Asociación sen ánimo de lucro que se denominará O Naranxo co obxecto de promover, fomentar e desenvolver, dentro do ámbito da Comarca de Deza a actividade cultural, artística e deportiva. A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola lei orgánica 1/2002 do 22 de marzo reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación vixente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.
Artigo 2. Son fins principais da Asociación:
a. - Difundir e promover o coñecemento da lingua e a cultura galega.
b. - Realizar aquelas obras e accións que signifiquen un beneficio cultural, artístico e deportivo dentro do ámbito da Comarca de Deza.
c. - Cooperar e fomentar a organización de exposicións, concertos, certames e competicións deportivas na Comarca de Deza.
d. - Atender con preferencia a mocidade.
Artigo 3. Para levar a cabo os seus fins, poderá a Asociación organizar as seguintes actividades:
a. - Promover e organizar Cursos, Conferencias, Ciclos Culturais, Exposicións, Concertos, Certames, Competicións e actos análogos.
b. - Convocar certames e promover publicacións sobre a realidade cultural e social da Comarca de Deza.
c. - Conseguir dotacións económicas que posibiliten a concesión de bolsas e axudas.
d. - Intervir publicamente en cantos asuntos sexan de interese cultural e social.
Como Asociación sen ánimo de lucro destinaranse aos devanditos fins, polo menos o setenta por cento das rendas netas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto exceptuándose as aportacións efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os asociados e familiares non serán os principais destinatarios das actividades realizadas pola Asociación.
Artigo 4. O domicilio principal e permanente da Asociación radicará na localidade de Lalín, rúa Travesía Pintor Colmeiro, 1, CP 36500, teléfono 986784694, aptdo. de correos 185 correo electrónico onaranxo@onaranxo.org
Poderanse utilizar outros locais asociativos adicionais noutras cidades, mediante acordo da Xunta Directiva, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ao Organismo encargado do rexistro de Asociacións. Para os efectos de comunicacións e notificacións sinálanse como preferentes as seguintes direccións:
Domicilio: Travesía Pintor Colmeiro, 1. Localidade: Lalín, C.P. 36500
Teléfono l: 986784694
Teléfono 2: 986780867
Correo electrónico: onaranxo@onaranxo.org
Apartado postal: 185
Artigo 5. A Asociación en función dos seus fins e da radicación do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comarca de Deza.
Artigo 6.
1. A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
2. A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
CAPÍTULO II
DOS SOCIOS
Artigo 7. Poderán ser integrantes da Asociación todas aquelas persoas físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar ou tralo acordo do órgano competente da persoa xurídica, que reúnan os seguintes requisitos: Cantas persoas así o soliciten da Xunta Directiva e sexan admitidas por esta, debendo abonar a cota de entrada fixada pola Asemblea xeral.
Artigo 8. Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:
a) Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.
b) Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional
c) Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da asociación
d) Infantís, aquelas persoas menores de 18 anos que participen na Asociación, que estarán integradas na sección infantil, no seu caso.
Artigo 9. Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:
1. Tomar parte nas Asembleas con voz e voto
2. Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos
3. Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.
4. Disfrutar de todas as vantaxes e beneficios que a Asociación poda obter
5. Ter copia destes estatutos
6. Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.
7. Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación
8. Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación
9. Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación todos os anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.
Artigo 10. Son obrigas dos asociados e asociadas:
1. Prestar cantos servicios determinen os Estatutos, o regulamento de Réxime interno e os acordos das Asembleas Xerais.
2. Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
3. Asistir as Asembleas Xerais
4. Satisfacer as cotas que se establezan
5. Observar unha boa conducta individual e cívica.
6. Cumprir os acordos da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos
Artigo 11. Os asociados e asociadas honorarios e infantís non intervirán na dirección da Asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero están facultados para asistir ás Asembleas Xerais con voz, pero sen voto.
Artigo 12. Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida. No caso de menores de idade e persoas que actúen a través de representante a solicitude deberá ser autorizada polo representante, pai ou titor do solicitante e se acompañará unha acreditación da identidade do solicitante.
Artigo 13. A condición de asociado pérdese:
1. Por vontade propia
2. Por falta de pago nas cotas
3. Por realización de accións que prexudiquen gravemente aos intereses da Asociación.
4. Por expediente disciplinario.
Artigo 14. A expulsión de asociados e asociadas será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado/a. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdicción ordinaria. Cando a baixa se produza por vontade dun/dunha asociado/a, este/a deberá realizar unha petición escrita e procederá ao aboamento previo de todas as cotas que teña pendentes.
Artigo 15. Os asociados/as poderán pedir a separación temporal por escrito.
A Xunta Directiva poderá acordar a separación temporal dun asociado cando se estea tramitando un expediente sancionador, ou concorran causas xustificadas que o aconsellen, tales como o atraso no pago dalgunha cota, ou comportamentos que afecten á boa marcha dalgún dos fins da Asociación. O expediente sancionador recollerase no Regulamento de réxime interno, pero en todo caso a resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.
CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN
Artigo 16. A dirección e administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
Artigo 17. O Presidente da Asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra. O Presidente será designado pola Asemblea Xeral entre socios que teñan polo menos un ano de antigüidade e o seu mandato durará 4 anos.
Artigo 18. A Xunta Directiva estará formada por un presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro e tres vocais, cargos que deberán recaer en asociados/as que leven polo menos un ano na Asociación.
Artigo 19. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.
Os cargos elixiranse pola Asemblea Xeral e durarán un período de 4 anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.
Os cargos da Xunta Directiva renovaranse por metade. Na primeira quenda serán renovados o Vicepresidente, o Tesoureiro e un vocal e na segunda, ao ano seguinte, o Presidente, Secretario e os outros dous vocais. O primeiro mandato dos cargos da segunda quenda de renovación durará 1 ano máis. O persoal de secretaria, se o houbese, será nomeado pola Xunta Directiva, que acordará ademais a súa retribución.
Artigo 20. É función da Xunta Directiva programar e dirixir as actividades asociativas e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, someter á aprobación da Asemblea xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
Así mesmo procederá a convocar e fixar a data da Asemblea xeral, fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben, designar as Comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación, dictar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea xeral. Corresponderalle tamén aquelas outras actividades que lle sexan transferidas pola Asemblea.
Artigo 21. A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente ou o Vicepresidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente ou o Secretario, por esta orde, e, a falta de ambos, polo membro da Xunta que teña máis idade.
Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, de seis dos seus membros. No caso de empate decidirá o voto do Presidente.
O Secretario ou, no seu defecto, o Vicepresidente levantará acta das sesións, que se transcribirá ao libro de actas.
Artigo 22. Os membros da Xunta directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de solicitar das mesmas informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas comisións o número de vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.
Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.
Artigo 23. A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da Asociación e estará formada por todos os integrantes da mesma. O Presidente e o Secretario da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.
Artigo 24. A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ao Presidente, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.
Artigo 25. A Asemblea Xeral ordinaria reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada ano. Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.
A notificación farase nos locais da Asociación para as Asembleas ordinarias e no domicilio dos asociados para as Asembleas extraordinarias.
Artigo 26. Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:
1. Aprobar a acta da reunión anterior
2. Aprobar o plan de actividades
3. Examinar e aprobar a memoria de actividades
4. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior
5. Aprobar os presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio
6. Exame e aprobación das cotas
Artigo 27. Serán competencias da Asemblea xeral extraordinaria:
1. Modificar os Estatutos da Asociación
2. Elixir os integrantes da Xunta Directiva
3. Aprobar a federación con outras Asociacións
4. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais
5. Acordar a disolución da Asociación
6. Designar os/as liquidadores/as
7. Ratificar a expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva
8. Solicitar a declaración de utilidade pública da Asociación
9. Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación
10. As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan esperar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a Asociación
11. Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou á Xunta Directiva.
Artigo 28. Para que as asembleas poidan tomar acordos, integraranse polos/as asociados/as asistentes, sempre que concorran a metade máis un do total na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.
Artigo 29. Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos aos apartados 1 ao 7 do artigo 27, que requirirán maioría de dous tercios. A continuación levaranse os acordos ao libro de Actas e asinara o/a Presidente e o/a Secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría.
Artigo 30. Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos/as os/as asociados/as, incluso aos/ás non asistentes.
As sesións abriranse cando así o determine o Presidente. Seguidamente se procederá por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente o Secretario procederá a enunciar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta directiva que lle corresponda, procedéndose á aprobación nos termos contidos nestes Estatuto, segundo a materia de que se trate. Unha vez rematados todos os asuntos da orde do día se procederá, se a presidencia o considera oportuno ou o solicitan un 10% dos asociados inscritos no libro de membros, a facer unha quenda de propostas e suxestións e adopción de acordos, concluído o que se levantará a sesión por parte do Presidente.
Artigo 31. Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedito a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.
Artigo 32. O Presidente da Xunta Directiva terá, ademais das facultades consignadas no artigo 17, as seguintes atribucións:
a) Presidir e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións duna e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.
b) Propoñer o plan de actividades da asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
c) Ordenar os pagamentos acordados validamente.
d) Representar a Asociación perante calquera organismo público ou privado.
e) Firmar as actas, certificados, pagos e outros documentos da Asociación xunto co Secretario ou membro da Xunta Directiva a que lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
O Presidente será asistido nas súas funcións por un Vicepresidente, que, ademais, substituirao nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.
Artigo 33. O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Entidade. Correspóndelle así mesmo notificar as convocatorias e custodiar as actas e expedir certificacións das mesmas co visto e prace do Presidente.
Ao Secretario correspóndelle tamén levar o inventario dos bens da asociación nun libro establecido ao efecto.
Artigo 34. O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente, dirixirá a contabilidade da Asociación; tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, participará en todas as operacións de orde económico.
O Tesoureiro ten a obriga de proceder ao peche do exercicio presupostario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da Asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea ordinaria.
Artigo 35. Os vocais no número que determine a Asemblea xeral terán as seguintes atribucións:
1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
2. Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.
CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 36. A Asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 1.000 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.
Artigo 37. A Asociación funcionará en réxime de presuposto anual. O presuposto anual da asociación será sempre inferior a 2.000 euros. O borrador de presuposto será elaborado polo Tesoureiro da Asociación, que deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano, a fin de que poda ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.
Artigo 38. A Asociación manterase dos seguintes recursos:
1. As cotas periódicas dos/as asociados/as.
2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
Artigo 39. As cotas ordinarias acórdanse pola Asemblea Xeral ordinaria, a proposta da Xunta Directiva non sendo reintegrables en ningún caso e dedicándose a atender as necesidades da Asociación.
Artigo 40. Anualmente con referencia ao último día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a celebración da Asemblea Xeral ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.
Artigo 41. Anualmente no tempo que establece o artigo 25 será aprobado o orzamento pola Asemblea Xeral ordinaria.
Artigo 42. Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, terán recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente o Presidente e o Tesoureiro, para a utilización conxunta deles.
Artigo 43. Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola Asociación.
CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
Artigo 44. O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ao ordenamento xurisdiccional civil.
CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 45. Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou 1/4 dos socios/as. A convocatoria da Asemblea xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 7 días para calquera socio/a poida dirixir á Secretaria as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.
Artigo 46. Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable das 2/3 partes dos membros da Asemblea Xeral de socios.
Artigo 47. A Asociación disolverase polas seguintes causas:
1. Pola vontade dos asociados/as acordada polas 2/3 partes dos mesmos/as
2. Por outras causas determinadas legalmente
3. Por sentencia xudicial
Artigo 48. Acordada a disolución, a Asemblea xeral extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto coa Presidenta e o Tesoureiro, procederá a efectuar a liquidacións dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.
Artigo 49. O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra Asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins aos desta asociación. O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.

¿Queres recibir información sobre actos culturais e sociais na Comarca do Deza? ¿Anunciar ou convocar actividades?. Envia un correo a onaranxo@onaranxo.org ¡Xa somos 500!
_______________________